Que é Desire 3?

Xa o adiantabamos na versión anterior do proxecto ”é complicado, pero hai que intentalo”. A cita fai referencia á complexidade no cambio de mentalidade de todos os actores que interveñen no proceso de ensino-aprendizaxe, cambio necesario xa que a incorporación da tecnoloxía nos diferentes eidos deste proceso  está levando, dun xeito implacable, a un cambio de paradigma.  

A acción que nos ocupa está destinada a mellorar un sistema xa existente desenvolto no marco da convocatoria de accións complementarias 2008 e 2009, aproveitando tamén os resultados e a experiencia doutros proxectos para tentar dar resposta a algúns dos retos que percibimos neste contexto.

O proxecto fomentará a transferibilidade e interoperatividade con outras plataformas da Fundación, sempre e cando o uso dos estándares o permita.

As cualificacións profesionais publicadas a través do catálogo INCUAL seguen a ser o marco de desenvolvemento dos certificados de profesionalidade. Estes enmarcan o escenario para que as persoas accedan á formación e poidan construír o seu itinerario formativo.

Por outra banda, o avance sen fin da denominada web social, e a xa case presente Web 3.0 ou web semántica, está modificando a grandes pasos o xeito que as persoas teñen de aprender e de traballar, métodos que inflúen de xeito drástico no cambio de paradigma do traballo docente.

Seguindo a nosa idea orixinal, este proxecto pretende facilitar o devandito cambio mediante unha incidencia dobre:

  • o desenvolvemento de ferramentas que faciliten o intercambio de materiais dixitais e
  • a capacitación docente para a integración das TIC na aprendizaxe, incidindo, neste último obxectivo, nun cambio de mentalidade.

De certo, comprobamos que é moi complicado sementar neste eido, pero pensamos que a semente xa está medrando na nosa Fundación e nos nosos colaboradores.

Aínda que moi lentamente, o número de obxectos do noso repositorio (durante o desenvolvemento do proxecto Desire 2) ascendeu, e sobre todo o número dos nosos docentes e colaboradores interesados neste cambio de paradigma aumentou de xeito considerable, grazas en certa medida á súa difusión a través de seminarios web, con gurús de sona neste ámbito (Gorka Palazio, Lucio Margulis, Esperanza Roman Mendoza etc.).

Seminarios e actividades que contribúen a aumentar as competencias TIC nos docentes e, sobre todo, o cambio de mentalidade como actores principais.

Sinalabamos na convocatoria 2009 que “son os docentes os que directamente teñen que facer materiais, en especial materiais complementarios, e compartilos con outros. A web 2.0, a web social, esixe unha formación 2.0, unha formación social, con grande intervención dos usuarios na creación dos contidos. Cómpre pasarmos da cultura da competencia á da colaboración. Iso é, verdadeiramente, innovador”.

Na Fundación Forem Galicia, e este é un feito transferible a calquera outra entidade, temos claro que non é posible dispoñer de materiais didácticos actualizados e mellorados de xeito constante se non é coa colaboración dos docentes.

Continuando co traballo dos anteriores proxectos, o repositorio, xa posto en marcha, propiciou o interese dalgúns docentes (os máis capacitados tecnoloxicamente) para desenvolver obxectos e sobre todo poñelos a disposición dos demais.

Nalgúns casos obxectos sinxelos e noutros, obxectos máis elaborados que comezan a amosar un cambio na actitude docente:

  • a preocupación polo uso das novas tecnoloxías e recursos na súa actividade docente cotiá,
  • e a súa vontade de compartir os obxectos creados.

E o que é quizais mellor, a contribución á comunidade que o vai utilizar, valorar e reciclar, mellorando o devandito recurso a través dun sistema de colaboración permanente e continuo. Deste xeito, cada recurso achegado pode ser personalizado para a construción da aprendizaxe, en grupo ou individualmente.

Cómpre mencionarmos neste punto os obxectos de aprendizaxe premiados no noso II Concurso de Obxectos de Aprendizaxe, onde o traballo desenvolto polos gañadores está a ser empregado por outros docentes e entidades como un medio formativo comunitario, por exemplo a Guía Active Inspire e o seu timeline en Twitter, ou o seu blog de actualizacións e recursos, un exemplo moi claro de recurso posto a disposición da comunidade onde a cultura da competencia está dando paso á cultura da colaboración.

Ao mesmo tempo, o concurso amplamente difundido xunto cos seminarios web, boletíns, sementes RSS, liña twitter etc. está a fomentar que os docentes máis innovadores actúen como axentes ‘de transmisión’ e propicien o cambio noutros docentes.